Friday 17 de May de 2024

A EGAP abordará nun curso os desafíos aos que deben facer fronte as institucións públicas para a rexeneración democrática


A Escola inaugura o martes un monográfico sobre “Rexeneración democrática e institucional”, que contará con relatores de múltiples disciplinas

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) acollerá a partir do próximo martes un curso monográfico sobre “Rexeneración democrática e institucional”, no que participarán relatores de múltiples disciplinas.

O curso pretende abordar os desafíos aos que deben facer fronte as institucións públicas para a rexeneración democrática e promover o debate acerca da transparencia, a participación, o control da actividade pública por parte da cidadanía, a rendición de contas e a prevención e loita contra a corrupción.

Ademais, permitirá reflexionar sobre os principios e valores que fundamentan a actuación dos poderes públicos e analizar aquelas accións que se han de acometer para mellorar a calidade democrática das institucións e darlle unha resposta satisfactoria ás demandas da cidadanía.

Por último, o curso servirá para pór de manifesto o papel da xustiza na rexeneración democrática, destacando a importancia da independencia xudicial; e debater acerca do labor que lle corresponden aos medios de comunicación na rexeneración democrática e institucional.

Esta actividade está dirixida a empregados das Administracións públicas de Galicia, tanto autonómica como local, das Universidades do Sistema Universitario de Galicia, persoal das entidades do sector público, xuristas, profesionais e persoas interesadas en xeral.

Programa das xornadas
O curso comezará a mañá do martes coa conferencia inaugural “Rexeneración ou estancamento”, ao cargo do político e escritor, Joaquín Leguina. Posteriormente será a quenda da avogada Elena Herrero-Beamount, membro do Consello de Transparencia Internacional, que disertará sobre “A ética e a transparencia empresarial ante novas formas de poder social”; e do presidente do Consello de Contas de Galicia, José Antonio Redondo, que abordará o papel deste ente fiscalizador no marco da nova lei.

Xa pola tarde, os asistentes poderán escoitar a Daniel Innerarity, catedrático de filosofía política e social na Universidade do País Vasco e director do Instituto de Gobernanza Democrática, que falará sobre “A política en tempos de indignación”. A xornada rematará cunha mesa redonda sobre “O papel dos medios de comunicación na rexeneración democrática”, na que participará o director do ABC, Bieito Rubido, o adxunto á dirección de El Pais, Javier Ayuso, e a delegada da Axencia EFE en Galicia, Ana Martínez Pedrosa.

A última xornada, na mañá do martes, contará co catedrático de Dereito Administrativo da Universidade Carlos III, Tomás de la Quadra-Salcedo; e o maxistrado da Audiencia da Pontevedra, Manuel Almenar; que falarán sobre “Crise e oportunidade” e “Independencia xudicial e rexeneración democrática”, respectivamente. A conferencia de clausura impartiraa o catedrático de Dereito Constitucional da UAB, Francesc de Carreras Serra, baixo o título: “Rexeneración institucional: democracia e partidocracia”.